Acerca de

Moitas veces falamos de que Galicia está a subir no tren do progreso. Presumimos dos avances que nesta terra se producen e asentimos firmes cando alguén espeta o que está a mudar esta terra a pasos de xigante.

Poida que A Fonsagrada fora o primeiro punto de España no que se instalara a televisión dixital terrestre ou que sexamos unha das comunidades punteiras na cooperación exterior, pero máis aló destes acontecementos puntuais, a realidade é ben distinta.

O certo é que o tempo pasa e as plantas galegas de reciclaxe e compostaxe a penas absorven a metade do lixo que xeramos, o prezo da vivenda segue a medrar mentres no resto do estado baixa por primeira vez en once anos, a capacidade de conexión a internet é limitada ou nula nalgunhas zonas rurais, por non falar da odisea que supón para moitos coller un bus ou un tren que pode tardar máis de 70 minutos en percorrer 60 quilómetros…

Galicia Profunda abre as súas portas para falar de todos estes feitos, por suposto, en clave de humor. Para ir descubrindo o lado descoñecido desta terra que ás veces volve sorprender coa aparición de curiosos personaxes como ‘o vampiro de Pontevedra’ ou un xaponés que emigrou dende Tokio para aprender a cociñar aquí. Porque, coas súas cousas boas e malas, Galicia non deixará nunca de ser unha terra máxica e misteriosa.

Se queres participar ou preguntar algunha cousa, non dubides en poñerte en contacto con nós: galiciaprofunda@gmail.com

Os comentarios están pechados.