
En Galicia Profunda tamén estamos para ensinar aos nosos lectores, para exercer a pedagoxía do galego e da lingua. E por iso nos marcamos un reto: que todo Dios aprenda os palabros do galego. Si, si, eses termos tan estraños, que non se sabe de onde saíron e que nin sequera empregan nin na Real Academia Galega nin no Instituto da Lingua Galega.
E por iso abrimos unha nova sección neste pequeño curruncho do blogomillo titulado, como non, Palabros. E para inauguralo, imos comezar cun termo propio das festas do Nadal (nos supermercados xa hai turrón, así que non é cedo para falar disto). Estou a falar diso que ti, oh lector de Galicia Profunda, coñecerás como trineo. Pero non, oh blasfemo servidor do castelán, ese é un termo herexe, impío. Acaso non sabes que moitas veces no galego imos por libres e temos palabriñas propias (que só coñecen catro gatos, iso si, pero palabriñas propias ó fin e ó cabo). Pois en galego trineo dise zorra. De seguro que non mo cres. Pero tes que saber que outros antes tampouco pensaban que a terra era redonda. Se acodes a Digalego.com verás que 1) trineo non está por ningures e 2), que unha zorra é un “caixón que escorrega para transportar cousas ou persoas”.
Así que este inverno se vas aos Ancares podes practicar este termo coa xente, con frases tipo:
- Menuda forma de tirarte na zorra, non?
- As formas desa zorra son moi aerodinámicas.
- E esa zorra, canto che custou?
- Que zorra tan bonita, déixasma un cacho?
- Que daría eu por ter unha zorra coma a túa.
E non nos esquezamos antes de ir ao Corte Inglés ou ao Hipermercado de turno para preguntarlle ao dependente:
- E ló, teñen moitas zorras por aquí? E son de boa calidade?
Se che miran con malos ollos, pensa, pobre ignorante, non sabe falar adecuadamente o galego. Menos mal que aquí un ten nivel e sabe empregar a lingua adecuadamente en cada situación.
Ah, e olliño con empregar expresións como “Non teño nin zorra do que me estás a falar”. Non home non, iso non pega nada. E tampouco poderás dicir iso de “Esa tía é unha zorra”, que para iso temos outras formas como “Esa tía é unha lagarta ou unha lurpia ou unha lercha” (e non, furcia, fulana ou pelandusca non son termos galegos, éche o que hai).
Veña, espero que aprendesedes moito galego e preparádevos, porque vos vou seguir bombardeando con palabros 