Posts Tagged ‘publicidade’

O novo anuncio de Gadis e a fórmula secreta dos galegos

Lunes, Noviembre 16th, 2009

A verdade é que retomaron o espírito do primeiro anuncio e deixaron de lado ese espanto de spot en Nova Iorque con gaiteiros e grelos. Este apela á sensibilidade e tamén ao humor. Así me gusta.

A arma secreta do PP nestas eleccións

Jueves, Junio 4th, 2009

Este domingo son as eleccións europeas. Hai moito que decidir e por iso, o PPdeG sacou á rúa a súa arma secreta: un señor cun par de bandeiras. Vós ride, si, pero aí está. Xa nas anteriores eleccións, nas galegas, estivo durante case dúas semanas, incansable, mañá e tarde nos Cantóns da Coruña. E agora volve de novo: que vas pasear pola mañá, pois aí está; que pasas ás 8 da tarde, pois aí segue.

Xa vos digo que é incansable e que polo menos espero que non lle cobren a cota do carné do PPdeG porque este señor ten o seu mérito. Ademais, sempre está coas dúas bandeiras de plástico en alto, a de Galicia e a do PPdeG co nome de Feijoo. De cando en vez tamén leva unha gorra do PP. Non di nada. Non reparte publicidade. Non solta consignas. Só se limita a estar unhas 8 horas ao día brazo en alto coas súas bandeiras. E a mensaxe calla. Mirade senón o que pasou nas anteriores eleccións galegas, que o PP gañou, por pouco, pero gañou, sobre todo polo voto decisivo da provincia da Coruña. E nestas vai pasar o mesmo. Senón, tempo ao tempo. E o mérito será todo del. E como vai sentar un precedente, nas próximas eleccións atoparémonos con ducias, que digo ducias, con centos de homes coas súas bandeiras brazo en alto para que votemos ao seu respectivo partido.

Déixovos unha foto que lle saquei de estrangis co meu móbil, por iso non ten moi boa calidade.

Un pazo da Pobra demanda a Larsa?

Jueves, Mayo 7th, 2009

Acabo de quedar algo estrañado. Íavos falar dunha noticia que vin esta mañá en La Voz de Galicia, na que se falaba de que a dona dun pazo da Pobra do Caramiñal denunciara a Larsa por empregar a súa imaxe sen autorización.

O caso é que polo visto, a marca de leite está cunha campaña promocional xunto con Turgalicia na que regala fins de semana en casas de turismo rural. E, para publicitar o tema, puxo a fotos do pazo Torre de Xunqueiras da Pobra do Caramiñal sen pedirlle permiso aos seus donos. Un sitio ben xeitoso, a verdade.

Non obstante, o que me sorprende é que agora as ligazóns á noticia na web da Voz xa non funcionan. Así que ou houbo algún problema de carácter informático ou un, que pode ser mal pensado, pode chegar a crer que dende Larsa os chamaron, que a información é falsa ou que houbo un acordo por ambas as dúas partes e que non querían ningún tipo de publicidade negativa. Vós que credes?

De todos os xeitos, a información eu non a invento: aí está a edición impresa de hoxe e a pegada en Google.

Que non se diga ;)

Feliz Día da Nai?

Lunes, Mayo 4th, 2009

A semana pasada, en La Voz de Galicia vin este anuncio. Non se o que vos parecerá a vós, pero eu coido que é moi pouco afortunado.

Encántanme que se repitan os tópicos unha vez si e outra tamén. E o mellor de todo é que para este anuncio pon pasta tanto a Federación Galega de Comercio como a Consellería de Economía e Industria. Pois está ben que recomenden regalarlle a unha nai tixolas, limpacristais e cepillos.

Si, xa sei que as nais, historicamente, desenvolven as tarefas do fogar. Pero a súa labor só se centra niso? Non traballan moitas tamén fóra? Non son as que levan moitas explotacións gandeiras, ademais de limpar a casa, coidar os nenos e facer a comida? En serio esta é unha homenaxe as nosas nais? Un ghicho cun pano na cabeza, uns guantes e mandilón representa as nosas nais?

Pois xa postos a reproducir tópicos e estereotipos, a ver se para o Día do Pai sacan a unha tipa cunha camisa longa, unha cervexa a un lado e unha bolsa de patacas ao outro mentres mira a tele. Ah, e para regalar nada mellor que uns partidiños de fútbol, uns taladros e unhas motoserras.

Pinto e Cobiñas preséntase ás eleccións

Sábado, Febrero 21st, 2009

O Partido pola Pesca e o Marisqueo vai cambiar o rumbo de Galicia e das xentes do mar. A actividade pesqueira vai rexurdir grazas ao PPM. E para dar boa conta das súas mensaxes nada mellor que Pinto e Cobiñas, que nos contan que se vai crear a autovía da costa, un parador en Muxía e se recupera o Plan Galicia.

Vitrasa retira a publicidade de Retranca para evitar a polémica relixiosa

Miércoles, Febrero 4th, 2009

A publicidade con mensaxes de ton relixioso no transporte público continúa. A última vítima en torno ao debate sobre se é lícito ou non pór eslóganes aludindo á existencia de Deus foi a revista Retranca.

A empresa Vitrasa, concesionaria do servizo de autobuses na cidade de Vigo, decidiu retirar o anuncio que lucía nun dos seus buses. O texto era o seguinte: “Probablemente os deuses non existan, pero a cultura galega sí. ¿Por que non falamos das cousas que existen?”

Vitrasa alega que retira a publicidade para non entrar en polémicas, como recolle a revista Retranca no seu blog: “ao parecer non queren poñer o noso anuncio porque “recorda” á campaña atea feita nos autobuses de Barcelona“. Recordemos a mensaxe: “Probablemte Dios no existe, deja de preocuparte y disfruta de la vida”.

Os responsables de Retranca aseguran que pretendían crear “unha campaña para concienciar á xente que a cultura galega necesita tamén que creamos nela para existir”.
Con toda a que se formou, a revista reivindica: A CULTURA GALEGA EXISTE, PERO NON DEIXAN QUE SE ANUNCIE !!!

R lanza campaña de televisión do máis orixinal

Lunes, Noviembre 17th, 2008

Polo que vexo no seu blog corporativo, quecheparece.com, R acaba de sacar hoxe mesmo unha nova campaña de televisión. Había catro anos dende a última e, desta volta, quixeron xogar coa letra que dá nome á empresa, que conta mesmo cunha tipografía especial, a R Gerstner. O caso é que desa tipografía saíron os personaxes que dan vida aos spots publiciatarios. É o caso do lobo:

De Carapuchiña Vermella:

Ou dos porquiños:

E este foi o resultado:

Estamos xa en precampaña

Sábado, Noviembre 1st, 2008

Sorprendido quedei estes días cando atopei un valo publicitario no que se podía ler: “Grazas por nada e adeus ao bipartito”.

Valado publicitario

Agora, acabo de ver outro que reza: “Bipartito. Crise. Paro. Despilfarro”.

O certo é que non ten o logotipo de quen o paga, pero non hai que ser moi listos para saber que detrás está o PPdeG. Comeza así, de xeito visible nas rúas, a precampaña. E aínda que no Parlamento e nos medios de comunicación todos os días para a oposición sexa unha oportunidade para tirar abaixo ao goberno, agora é cando teñen que comezar a espabilar.

Por certo, que iso de “Grazas por nada e adeus ao bipartito” saiu de Feijoo. Buscando por aí, atopei que o dixo nunha comparecencia na cámara galega, onde intentou desacreditar a labor do bipartito. No xornal mesmo comparan a frase con aquela famosa de Aznar de “Váyase señor González”.

Rematando xa por hoxe, digo que iso de criticar está moi ben, sobre todo cando está próximo o día para ir votar. Pero eu boto de menos un pouco máis de ideas, de propostas, de unidade e de ganas por facer de Galicia un sitio mellor. E dígoo tanto polo PPdeG como por outros que están ou estiveron na oposición. A min esta clase de campañas lémbrame demasiado á que fixo o PP a nivel nacional contra o PSOE dicindo que eran amigos da ETA, que España se rompía e que a economía española ía caer en picado. Ao final seguen na opisición…

A publicidade non serve para nada

Martes, Octubre 7th, 2008

“A publicidade non serve para nada, repita con nós: Non recordo a marca do meu coche, non sei que teléfono móvil uso, nunca vin, ou non recordo ter visto, anuncios da miña roupa favorita, compro a miña roupa en tendas de nome descoñecido, o meu ordenador persoal non ten marca, a miña entidade financiera, austera ela, non gasta en publicidade. Non entendo como algúns anunciantes poden invertir cartos en algo tan inservible… Nunca recordarei ter visto e lido este anuncio. Nunca, nunca, nunca”

Esta curiosa campaña publicidade foi unha axencia galega con sede en Oleiros, “Es la nuestra“. Curiosamente, empregárona para a súa propia autopromoción. Orixinal, verdade?

Un cliente insatisfeito pode arruinarche o negocio

Miércoles, Septiembre 10th, 2008

Hai que andar con ollo cos clientes. Non só é iso de colocarlle a mercadoría e listo. Porque onde as dan tamén as toman. Mirade senón o que pasou cun cliente insatisfeito cun concesionario do Polígono da Grela na Coruña. Pois que como o seu Kia era unha porquería e no concesionario non debían de darlle solución, pois encargouse de que todo o mundo soubera que aquilo era mal negocio. Vós que faríades? Entraríades a mercar un Kia ou botaríavos para atrás?