Posts Tagged ‘xabarín club’

As nosas series de debuxos animados en galego

Miércoles, Abril 8th, 2009

Quedoume pendente a semana pasada acabar de rematar as entradas de boa parte das series que viamos na TVG e no Xabarín Club cando eramos pequenos (e non tan pequenos, porque a min aínda me fascinan as series de debuxos). Claro está que había moitas outras boas que nunca vimos en galego, como pode ser “Chicho Terremoto” ou “Campeones”, pero bueno, este blog está para falar de Galicia e do propio, así que vou recompilar debuxos que de seguro que vos soan.

Estiven buscando por aí e aínda atopei un bo feixe, así que comezarei con algúns destacados e que tiveron moito éxito, como son “Doraemon” (de quen se seguen a facer filmes aínda), “Shin Chan” e “As Tartarugas Mutantes” (agora a verdade é que soa bastante mal a canción).

Seguirei por outro clásico, “He-man e os amos do universo” e a súa mítica frase “¡Polo poder de Grayskull!”. Continúo con outra serie máis moderna, “O detective Conan” e por outra xaponesa “Sarxento Keroro” (esta é simpática).

Lembrades a ese policía cunha cella máis gorda que a de Fernando Alonso? Si, era “Kochikame”. Defendendo a lei e as boas condutas tamén se atopaban “Hatori o Ninja” e o “Capitán Planeta”.

Teño que dicir que tamén tiñamos unha serie galego propiamente dita, “Os vixilantes do camiño”, con personaxes de Miguelanxo Prado. E unha que lle gustaba moito ás rapazas era “Candy Candy”, a primeira telenovela en debuxos animados, onde á protagonista lle pasaba de todo e todos se namoraban dela. Pero a min, a que me molaba de verdade era a Guerreira Lúa de “Sailor Moon” (ten o son algo cascado).

Só me quedan por repasar sete series. Desta tacada póñovos “Cousa de tolos” (da mesma estética que Doraemon e Hatori o Ninja), “Beyblade” (esa batalla sideral de trompos e peonzas; unha das mellores sintonías para min) e “Fly, o pequeno guerreiro” (cun comezo que recorda ao dragón máxico de Songoku).

E para ir rematando este mega-post, quédanme poñer as entradas de “One Piece” (cunha cabeceira moi pop, moi de Camela ou de Ríos de gloria), de “Kiterestu, o primo listo de Nobita” e do “Inspector Gadget”.

E xa, a última, os “Cazapantasmas”. Que gran infancia”

Son Goku e as bólas do dragón

Viernes, Marzo 27th, 2009

Arale estaba moi ben, pero a miña favorita era “Bóla do Dragón” ou “Dragon Ball”. As aventuras de Son Goku por recuperar as bólas máxicas que invocasen ao dragón e así poder devolver á vida ao seu avó. Sei que acaba de saír no cine unha adaptación da serie, pero non a penso ir ver nin bébedo porque o pouco que vin me dá arrepíos.

Nin máis nin menos que 508 episodios saíron desta serie entre Dragon Ball, Dragon Ball Z e Dragon Ball GT. Das aventuras con Bulma e os seus amigos (Krilin, Oolong, Yamcha, o mestre Mutenroshi) contra os malos tipo Pilaf, pasamos a vodas, fillos, netos, superguerreiros, universos paralelos, combates celestiais e un sen fin de historias. Vamos, que a cousa non deixa de ser unha telenovela pero para amantes dos debuxos animados de acción e con moitos golpes e momentos surrealistas e algo picantóns, jeje

Polo que vexo na enquisa que temos na web, non era o único ao que lle encantaba esta serie, que no seu día levantou tanta polémica por parte dos educadores e das ampas. Polo visto era negativo para a nosa educación e para o noso comportamento. Eu sigo crendo que, independentemente de tanto golpe e de certo sexismo que traspiraba a serie, era moi entretida e con iso me quedo, porque nin antes nin agora ando a golpes con ninguén.

Déixovos aquí as cabeceiras da serie para que lembredes os bos momentos do pasado (como anécdota, teño que dicir que non sei ningunha canción enteira de ningún cantante; as únicas que podo recitar son as de Bóla do dragón).

Arale e o doutor Slump

Jueves, Marzo 26th, 2009

Unha das miñas series favoritas de pequeno era a de “Arale e o doutor Slump“. De seguro que moitos xa o sabedes, pero o seu creador é Akira Toriyama, famoso tamén por outra das súas grandes series de debuxos: “Bóla do dragón”. De feito, para os que teñades memoria, hai un par de episodios nos que Songoku pasa por Vila Pingüín, o lugar no que vive Arale (de feito, estou intentando localizar eses capítulos e non son capaz de atopalos, o 57 e o 58, polo que sei, así que se alguén os ten, se me pode escribir, agradézollo).

É a típica serie coa que non paras de rir coas situacións surrealistas e as personaxes que ten. Porque ademais de Arale e do profesor Norimaki (e as súas transformacións a home atractivo), outros grandes protagonistas son Gatchan, a señorita Yamabuki, Akane, os irmáns Taro e Peasuke, os policías que van no coche e cos que Arale sempre inviste ou Ultraman e Suppaman ou o rei Nikochan e o seu servo.

Aínda que eu sempre me quedei con ese momento escatolóxico de: “Mira, unha merdiña:D

Xa me contaredes que lembranzas vos trae a vós Arale. Eu, para que refresquedes a memoria, déixovos o comezo da serie e un dos seus grandes momentos de Arale, o episodio de Suppaman (ou Sopamán).

E ti, eras do clube?

Martes, Marzo 24th, 2009

Teño que confesar que eu de pequeno (e non de tan pequeno) era un adicto ao Xabarín Club. Era dos que me sentaba todas as tardes diante do televisor vendo como un porco bravo me cantaba que era do clube “por fuciños, por cacheiras“.

Pero teño un trauma infantil: nunca fun socio. A miña foto nunca apareceu na pantalla para felicitarme polo meu aniversario xunto a outras de miles de nenos galegos, asturianos e leoneses. Sentía certa envexa, pero o certo é que nunca vin á venda ningunha desas postais que anunciaban que había para enviarlles cos teus datos e a túa foto. Que conste que sei de xente xa grandiña que mandaba igual a foto de cando eran cativos para que seguise aparecendo. E ti, eras do clube?

Xa temos nova canle da Galega

Martes, Febrero 3rd, 2009

O caso é que se es adicto á Galega (antigamente TVG), pois dende este luns tes ración dobre a través da TDT. E non creades que ides ter máis ración de Gayosos e de Piñeiros, que va, é unha homenaxe para aqueles que vivimos co Xabarín e con outros programas da nosa infancia e adolescencia. Tendes máis información en Código Cero.

Ti eras do clube?

Viernes, Junio 13th, 2008

Hoxe toca porse un pouco nostálxicos para retroceder uns cantos anos e recordar as míticas tardes de Xabarín, enter bocadillos de Nocilla e deberes da escola. Quen non recorda os clásicos personaxes de Son Goku, Doraemon, o profesor Slump e tantos outros con ese toque inconfundible que lles daba a dobraxe en galego?