“o Xacobeo corre o risco de ser un fiasco e o responsábel diso é Feijóo por manter un conselleiro friki no cargo”, así de duras son as palabras do portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, sobre a polémica situación que nos últimos días xira en torno á Consellería de Cultura da Xunta.
Deixando a un lado a xestión do Xacobeo, resultan totalmente desafortunadas as declaracións do Conselleiro de Cultura, Roberto Varela, durante un almorzo informativo, recollidas polos medios: “Creo que la cultura gallega está ensimismada y a veces también acomplejada”. Aínda que logo tratou de suavizar estas palabras: “De lo que yo hablé es de la promoción de la cultura gallega en el exterior sin complejos, sin miedos, como hacen otras comunidades autónomas como Cataluña o Andalucía”.
É a segunda vez que o Conselleiro comete un erro deste tipo, pouco despois da súa elección no cargo dicía: “La cultura gallega está muy bien, pero limita un poco”.
As peticións de dimisión non se fixeron esperar e veñen precisamente do sector cultural, os once premios nacionais de literatura veñen de solicitar o seu cese. Idea que comparte o BNG, que ve perigar o potencial económico e social do Xacobeo.
Nin sequera un mes leva o Ano Santo en marcha e así está a situación. Esperemos que a música calme os ánimos.